Sons de Nós con Zavala

Programa: 
Sonsdenós

Zavala preséntanse como unha proposta asentada na música galega cunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que mira de fronte ás novas texturas sonoras, e abofé que neste ambiente séntense cómodas. 

Sonoridade, sutileza, melodías acolledoras e a presenza impoñente dunha voz marabillosa que é a de Carla Romalde, “unha cuestión de química pura”.

O nome da banda é unha homenaxe a outro músico, Jairo Zavala – coñecido artisticamente como Depedro-, do que se declaran admiradores, e xurde do encontro de Víctor Ledo e Carla Romalde, que concordaron completamente na maneira de entender a música e dun proxecto que é un concepto en si mesmo. Ao proxecto Zavala uníronse Carlos Castro “Kos” (programacións, bases e visuais), Ana Lage (baixo, piano, acordeón e coros) e Elena Zas (piano, viola e coros), Carla aporta ao grupo a súa fantástica voz e a frauta traveseira, e Víctor Ledo a guitarra e, sobre todo, a mestría na composición das pezas que presentan. Na conversa de hoxe acompáñannos Carla Romalde e Víctor Ledo.

Non se senten encorsetados en ningún estilo musical, poderían ser pop alternativo, pero tamén electrónica e tamén está presente a música popular galega, e isto é así porque, como Víctor sinala, “a canción é o que importa, a CANCIÓN con maiúsculas,... se a canción nos leva por un lado imos por ese lado, e sempre soa a nós porque a voz de Carla é o que unifica todo.”

O pasado ano lanzaron “Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica)”. Un disco con  14 temazos, todos propios que, ademais, é parte dun todo que se completa co seguinte volume que xa están dando a coñecer. Ao fin, “Pequeno Manual para grandes cambios. Volume I e II” é un disco dobre con 27 pezas e que, sendo un mesmo traballo, amosan a evolución musical do grupo.