Paloma Rodriguez
65 anos/Ferrol
14/03/2021

Faleceu Paloma Rodríguez, mestra de infantil durante varios anos no colexio Centieiras de Perlío (Fene), antes e despois de ser deputada do PSOE no Congreso dos Deputados en Madrid. Para moitas mulleres un referente do feminismo en Ferrol e na comarca, sempre presente en iniciativas e mobilizacións pola igualdade e contra a violencia de xénero. A última vez que falei con ela foi na concentración celebrada diante do Xulgado ferrolán contra a Manada, violadores en grupo dunha rapaza nas festas do San Fermín.  Antes e en varias ocasións estivo en Radio Fene falando dos seus alumnos e alumnas aos que educaba no valor da igualdade. Vénseme á cabeza cando levou a cabo no colexio Centieiras  unha iniciativa para recuperar a memoria das mulleres de Fene que pasaron desapercibidas e que rescatou do esquecemento buscando a colaboración, entre outras, de Radio Fene. Ou cando organizou unhas lecturas de contos, no mesmo centro escolar, nas que a igualdade reinase ás súas anchas. Despois publicou varios libros para a infancia; “A urna dos desexos”, “O segredo de Flora”, “O país dos mandóns” ou “Teño dúas casas”. Era unha boa mestra e moi querida en Fene.  

 

Asinado por:
Pitusa Arias Rei
Xosé Manuel Galdo Fonte
70 anos/Perlío (Fene)
10/03/2021

O ex concelleiro de Fene Xosé Manuel Galdo Fonte faleceu na xornada do pasado mércores aos 70 anos de edade. A familia agradece un recordo na súa memoria. Non se recibe dó polas restricións sanitarias. Galdo Fonte foi tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo de Fene durante tres lexislaturas. Ocupou o terceiro posto nas candidaturas do Bloque Nacionalista Galego, nas eleccións celebradas en 1983, 1987 e 1991. Fora traballador de Astano e veciño da rúa da Torre en Perlío. Nos últimos anos mantiña un activo blog e gostaba de recopilar fotografías antigas de Fene nas redes sociais. Recuperamos do noso arquivo sonoro manifestacións de Xose Manuel Galdo Fonte realizadas en 1985. Era o momento álxido das mobilizacións dos traballadores de Astano en defensa do seu posto de traballo. Foran xulgados Rivera Arnoso e Galdo Fonte por convocar protestas. Xosé Manuel Galdo reclamaba o dereito a defender o emprego, a industria da zona e o sector naval.

 

http://173.255.131.18/audio/120321GALDO.mp3

 

Xosé Manuel Galdo Fonte foi traballador de Astano e tenente de alcalde de Fene durante doce anos.

 

 

 

Asinado por:
HSR
Mercedes Primoy Freire
81 anos/Torres (Vilarmaior)
29/05/2020

Carniceira desde 1974 (Carnicería Placer. Fene) ata que se retirou en 1992. A túa familia non te vai esquencer. Grazas por todo, Mercedes!

Asinado por:
Maria LM
Staffan Morling
83 anos/Suecia. Bueu
13/05/2020

Calquera persoa que queira achegarse ao mundo das embarcacións tradicionais ten que empezar polo libro de Staffan Morling, a auténtica biblia da carpintería de ribeira en Galicia. El ven buscando a orixe das embarcacións construídas coa técnica do tingladillo, e atopa a dorna e o trincado. O tráfico de trincados tiña lugar entre Cedeira, Ferrol, A Coruña e Camariñas. Eran lanchas de transporte de mercadorías construídas en Maniños, Barallobre e Perlío, afirma o catedrático de Construcións Navais José María de Juan Garcia Aguado.

O Concello de Fene entregoulle ao antropólogo sueco Staffan Morling en setembro de 2015, no marco da Festa Mariñeira, un recordo en sinal de agradecemento polo seu traballo de investigación e divulgación das embarcacións tradicionais de Galicia. Morling participara en Fene nunhas Xornadas sobre a historia da ría impartindo unha charla memorable. Levaba anos afincado en Beluso en Bueu, foi nomeado fillo predilecto do Concello de Bueu e foi profesor de inglés na Escola Naval de Marín.

Asinado por:
Gonzalo Martínez Bello "Chalo"
74 anos/San Valentín. Fene
12/05/2020

. "Aquí o mar acaba e a terra principia" afirma o Premio Nobel de Literatura 1998 José Saramago no comezo do seu libro "O ano da morte de Ricardo Reis". Tamén o mar acaba e a terra principia en San Valentín, o barrio no que viviu os seus últimos anos de vida Gonzalo Martinez Bello "Chalo". Fora traballador de Astano e coñecido en todo Fene pola súa implicación social. Chalo fixo que as súas amizades entendesen a idea da solidariedade, do traballo desinteresado a favor da colectividade, na organización do Entroido, na cabalgata de Reis, no Encontro de Artesans e na asociación O Tadetas.  Quedará sempre na lembranza de Fene, en sitio de honra xunto con Juan Pena Casanova e Francisco Lamas Sixto, compañeiros del tamén falecidos.

Asinado por:
Asociación O Tadetas
Luz Pozo Garza
98 anos/Ribadeo
20/04/2020

Beleza sen tempo con andar simultáneo, que pon un pé na luz e na escuridade, na vida e na morte, no amor e no desamor

Asinado por:
Manuel Rivas