Modifícase a taxa por inhumacións

Modifícase a taxa por inhumacións
03 de Xaneiro, 2019 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene ven de modificar as taxas por algúns servizos no cemiterio municipal. Así, no caso de exhumacións e inhumacións de restos cadavéricos liquidarase unha única taxa por permiso de apertura, con independencia do número de persoas para as que se solicite a licenza sempre e cando se realice no mesmo acto e no mesmo nicho. Tamén se rebaixa a taxa por traslado de cinzas dos 105 euros aos 50. A redacción anterior da ordenanza non estaba clara e precisa en torno ao obxecto impositivo.

Cemiterio municipal de Fene. Campo da Arca. Barallobre

Rebaixa do IBI

Dende o 1 de xaneiro os veciños e veciñas de Fene pagarán menos polos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI); Imposto de Vehículos de tracción mecánica (rodaxe) e pola Recollida de Residuos Sólidos Urbanos (lixo). Así será despois da aprobación en pleno da proposta de modificación das ordenanzas reguladoras que presentara previamente o equipo de goberno integrado por PP e Somos Fene. Modificación que a día de hoxe superou toda a tramitación administrativa, tras a publicación en boletín oficial e exposición pública.

Deste xeito, o alcalde, Gumersindo Galego, explica que o recibo do IBI pasa do 0,64% ó 0,60%, tanto para bens de natureza urbana como rústica e entran en vigor as bonificacións do 75% no recibo para as familias numerosas de categoría especial e do 50% para as familias numerosas en xeral. Iso si, sempre que o inmoble sexa vivenda habitual para toda a familia.

Respecto á rodaxe, as bonificacións alcanzan o 75% durante 6 anos naturais dende a súa matriculación para os vehículos híbridos e a mesma porcentaxe para aqueles con motor eléctrico e/ou emisións nulas. Neste último caso, a bonificación ten carácter indefinido. Aqueles outros vehículos que empreguen combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO tamén poderán beneficiarse das bonificacións.

Finalmente, os conductores con discapacidade  recoñecida quedan exentos do pago, con independencia de que o grao de minusvalía sexa igual ou superior ó 33% como ocorría ata o dagora. En todo caso, o vehículo ten que estar ó seu nome e o seu uso ten que ser exclusivo por parte do titular.

Ademais, co inicio do ano entrou en vigor a nova tarifa única de 91,19 euros no servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para aqueles locais comerciais e empresariais sen actividade co ánimo de aliviar a carga fiscal para os propietarios daqueles inmobles que ostentan o uso comercial ou empresarial pero que no periodo impositivo estiveron baleiros. Sen actividade.  No caso das bonificacións terán que ser solicitadas por parte dos veciños e veciñas que se queiran acoller a elas durante os periodos establecidos para isto e na casa consistorial informarase de todas as modificacións que veñen de entrar en vigor.

Seguro que che interesa
Sociedade

Publica o teu comentario agora